Submissions open from 2025-10-22 22:00:00 to 2025-11-23 22:59:59
Voting ends in
years
months
days
hours
minutes
seconds
Submission is closed and voting is now in progress

👹 Que é Demo Jam?

É unha excusa para crear xogos que teñan unha vinculación coa cultura galega. Se che apetece programar, escribir, debuxar ou desenvolver música, este é o teu espazo.  Se non tés grupo e che apetece xuntarte con máis xente, ponte en contacto con nós en info@demo.gal e tentaremos xuntarte con alguén.


⏳ Canto dura?

A jam terá unha duración de un mes, dende o 23 de outubro até o 23 de novembro. No momento de inicio da jam publicarase a temática específica sobre a que facer o xogo, así como os dous potenciadores que permitirán acceder a outro premio.

🎉 E que pasa despois?

Durante o Culturgal xogaremos e mostraremos os xogos que se presentaron. Ademáis, celebrarase unha entrega de premios en colaboración co MUVI.

🏆 Premios

Cando  remate o prazo de entrega haberá un prazo de votación, no que se valorarán as seguintes categorías:

  • Xeral: Unha valoración xeral do xogo. Ás veces o conxunto suma máis que as partes
  • Arte: Aquí englobamos o apartado visual e sonoro
  • Mecánicas: A orixinalidade, diversión ou interese das mecánicas do xogo
  • Narrativa:  Guión, atmósfera, ambientación e adecuación ao tema.

Poderá votar calquera persoa, participante ou non, a través desta plataforma. O voto popular ponderará un 60%. A organización tamén valorará os xogos con unha ponderación do 40%.

Os xogos gañadores recibirán, na entrega de premios, un lote de libros, un bote de mel de Mel de Meigas, entradas para o MUVI e a inclusión do xogo no arquivo de videoxogos do museo. Ademáis, os xogos gañadores de ambos potenciadores tamén se incluirán no arquivo.


🕹️ Contido

O contido debe ser orixinal e creado durante o tempo de duración da jam. Tamén podes usar assets licenciados como Creative Commons. Ademáis, incentivamos o uso de recursos galegos de dominio público, como os que podes atopar en https://apoi.museodopobo.gal/.


💡 Tema

A temática desta game jam será o Sincretismo: Hibridación ou amálgama de distintas tradicións culturais.

A cultura galega non pode entenderse sen a mestura: de costumes, crenzas e formas de expresión que se entrelazan e transforman co tempo. Dende a cristianización dos ritos pagáns —onde o antigo non desaparece, senón que se adapta e permanece baixo novas formas—  ata a vangarda tradicionalista do Laboratorio de Formas, pasando pola pegada latinoamericana que resoa nas verbenas; o sincretismo é o fío invisible que une o pasado e o presente, o propio e o alleo.


Deixamos algúns exemplos que poidan (ou non) servir como inspiración:

  • Cruceiros en lugares de culto paganosAdemáis de colocarse nos adros das igrexas ou para conmemorar un evento significativo, os cruceiros comezaron a empregarse na tardoantigüidade e na Idade Media para substituír os sinais de pedra pagáns que marcaban previamente o territorio. Nalgúns casos, chegaron a tallarse os propios monólitos pagáns, dándolles forma de cruz, e noutros instalouse a cruz sobre o elemento previo. Deste modo, lugares que xa tiñan un significado para a poboación continuaron a estar sinalados, mais baixo un marco cultural diferente que se impuxo.
  • As romarías: O sincretismo é esencial para entender as romarías galegas, nas que o relixioso e o profano se mesturan nunha mesma celebración. Estas festas, tan comúns en Galicia e no norte de Portugal, naceron como actos de fe en honra a santos ou virxes, mais co paso do tempo integraron tamén a festa popular: a música, o baile e a convivencia veciñal.
    Durante o día, os romeiros participan nas procesións e nas misas, cumprindo promesas e pedindo protección. Pola noite, a devoción dá paso á ledicia: as orquestras tocan na explanada, a xente baila e celébrase ata a madrugada.
  • San Andrés de Teixido: Un exemplo claro deste sincretismo é San Andrés de Teixido, onde se di que “vai de morto quen non foi de vivo”.  Esta crenza une o cristianismo coa tradición pagá da reencarnación e o culto ás ánimas, mesturando ritos antigos coa devoción cristiá. En Teixido, como noutras romarías, o sagrado e o popular danse a man, facendo da festa unha expresión viva da cultura e identidade galega.
  • O Laboratorio de Formas: Dende o exilio, Díaz Pardo e Seoane fundaron o Laboratorio de Formas: un proxecto que recuperou símbolos e motivos populares para proxectalos nunha linguaxe moderna, mesturando o ancestral e o contemporáneo na súa estética  e o útil e o   simbólico na súa cerámica.
  • Hai procesos de sincretismo na actualidade? No contexto desta jam, pensamos o sincretismo como un proceso vivo e amplo. Trátase de reflexionar sobre a complexidade da construción da identidade cultural, recoñecendo a multitude de influencias e dinámicas que interactúan nela.

   

🛠️ Ferramentas

Podes usar as ferramentas que queiras . Incentivamos o uso de ferramentas OpenSource como Godot para a programación, Krita, Gimp ou Blender para o apartado gráfico ou Audacity para o musical.


🎓Titoriais

Se fixeches o xogo en Godot ou Scratch e tés problemas para exportalo ao formato xogable dende Itch, podes acceder a estes titoriais:


✉️ Se tés algunha dúbida escríbenos en info@demo.gal

Submissions(3)

All submissions
·
Browser playable (3)

No submissions match your filter

Trata de «contaxiarte» da intelixencia do Mestre Mateo!
Play in browser
Simulation
Play in browser